|
Estás en: Proyecto 2004 - 05
PROXECTO INTEGRAL DE EDUCACIÓN MEDIOAMBIENTAL
“MIMANDO A NOSA HERDANZA”

1.- FUNDAMENTACIÓN
O fundamento deste proxecto apóiase na situación que estamos a vivir en canto as relacións da humanidade co seu ambiente e as posibilidades que a educación ambiental ofrece para traballar cos nosos alumnos e alumnas para enfrontar positivamente esta realidade.
Xa dende a Revolución Industrial o desenvolvemento social e tecnolóxico está a causar graves impactos sobre o entorno global: contaminación química de augas e atmosfera, ruídos, cambios no clima global, perda de biodiversidade, impactos sobre o solo, acumulación de residuos, etc.. Impactos agravados coa teoría do desenvolvemento ilimitado imperante ata os anos 70. Pero a finais do século XX xurde a tendencia cara o desenvolvemento sostible, segundo a cal o desenvolvemento humano e a conservación do ambiente global deben ir estreitamente relacionados para non comprometer as capacidades das xeracións futuras.
Aceptada a responsabilidade humana na problemática ambiental é a nosa especie, polo tanto, a que debe cambiar esta realidade. E dende o ámbito escolar ofrécesenos a Educación Ambiental como un instrumento de innegable importancia para cambia-la nosa visión do mundo e pasar a considerarnos un elemento máis na rede de interrelacións do planeta Terra.
Nun primeiro balance a educación ambiental enfróntase a unha serie de actitudes aínda amplamente estendidas na sociedade actual: a consideración do ser humano como o centro do planeta, a estimación da natureza como ben inesgotable, a identificación do progreso coa posesión de bens, a sobrevaloración do modo de vida urbano, a primacía do presente sobre os formularios a medio e longo prazo.....
Por todo esto, debemos propor a Educación Ambiental como unha das ferramentas fundamentais para garantir o futuro do noso alumnado; as súas actitudes e os seus valores co entorno van a incidir positiva ou negativamente no medio, e polo tanto, é fundamental traballar sobre as mesmas.
Dada a amplitude do concepto de medio ambiente parece imposible encadrar o proxecto nunha única materia.Polo tanto seguirase un enfoque interdisciplinario, integrando e relacionando os aportes das diferentes materias.
Proponse ademais para as diferentes etapas do proceso educativo (Educación Infantil, Educación Primaria, e E.S.O.) como un xeito de integrar a toda a nosa comunidade escolar na tarefa de melloralo seu entorno.
Dende os primeiros anos da súa vida, en Educación Infantil, os nenos e nenas comezan a adquirir os valores, hábitos e actitudes que seguirán na súa vida, polo que considérase imprescindible actuar a este nivel, aproveitando a plasticidade do momento para comezar a asentar as bases da súa sensibilidade ambiental. Na Educación Primaria e na E.S.O. considérase fundamental a intervención de cara a asentar coñecementos, actitudes e habilidades de cara á mellora do medio ambiente. Finalmente, búscase a participación especialmente activa , dos alumnos/as da E.S.O. ofrecéndolles a posibilidade de compartir a responsabilidade da formación ambiental dos mais pequenos/as de cara a lograr un futuro mellor para todos.
2.- OBXECTIVOS
O obxectivo xeral do presente proxecto consiste en potencia-lo coñecemento e a comprensión do medio ambiente e as relacións ser humano entorno enmarcadas na situación da problemática actual, así como desenvolver actitudes e aptitudes tendentes ao respecto e valoración positiva do medio.
Para acadar este obxectivo xeral traballaranse os obxectivos específicos:
Favorece-lo desenvolvemento das capacidades sensoriais e perceptivas dos participantes nun contexto natural.
Fomenta-lo coñecemento básico do medio natural inmediato, e o coñecemento de formas de cultivo sinxelas.
Interpretar as relacións do ser humano coa natureza dende un punto de vista global.
Acadar comportamentos de respecto e valoración do medio ambiente.
Adquirir habilidades básicas de mellora do entorno para estimular unha implicación activa no respecto cara ó medio ambiente.
Recuperar activamente as zonas máis degradadas do entorno escolar.
Estes obxectivos específicos desenvolveranse en base ós contidos que aparecen a continuación.
CONTIDOS CONCEPTUAIS
Ecosistemas naturais (fluvial e forestal) e antrópicos (agrícola e gandeiro).
Relacións do ser humano coa natureza.
Coñecemento das plantas e da súa importancia na biosfera.
Estudio dos animais domésticos e silvestres no entorno escolar.
Tratamento de residuos: recollida selectiva, reciclaxe e compostaxe.
Coñecemento de diferentes artes plásticas como as composicións con elementos naturais.
Características dos instrumentos e elementos utilizados para manter e coida-la horta, o xardín e o viveiro.
Diferentes formas de cultivo, repoboación, semente, etc.
Características das plantas, coidado e necesidades, época de semente, etc.
Estudio dos factores ambientais e a súa influencia no desenvolvemento das especies coas que se traballa.
Aproximación ás técnicas de coidado biolóxico dos animais domésticos.
Recoñecemento das árbores e arbustos do recinto do colexio e clasificación das máis destacadas.
Técnicas de recuperación de zonas degradadas e estudio das especies dun estanque.
Intervencións de mellora das condicións da fauna presente no xardín do colexio.
CONTIDOS PROCEDIMENTAIS
Análise da nosa relación co medio.
Uso dos sentidos na natureza para o recoñecemento e identificación das características de plantas e animais.
Reutilización de residuos orgánicos e inorgánicos: fabricación de obxectos e elaboración de compost.
Control progresivo das tarefas necesarias para o mantemento da horta, do viveiro e do xardín.
Utilización das técnicas precisas para a recuperación do estanque.
Estudio básico de taxonomía para determinar as plantas do xardín.
Manexo de tarefas para os coidados naturais dos animais domésticos.
Uso de medios para divulgar e compartilas experiencias (internet).
CONTIDOS ACTITUDINAIS
Comportamentos axeitados no entorno.
Valoración positiva da natureza.
Cooperación en e pola natureza.
Toma de conciencia da importancia do noso comportamento para o mantemento do medio.
Curiosidade científica, interese pola busca de explicacións de feitos e fenómenos.
Valora-lo aporte da información transmitida por tódolos participantes.
3.- METODOLOXIA.
Séguese unha metodoloxía activa e participativa. Pretendemos que o alumno/a se integre na súa propia aprendizaxe xunto con outros alumnos e alumnas e o seu mestre, intentando atopar resposta ás preguntas formuladas nos distintos momentos.
Neste proceso o alumno/a vai incorporando as técnicas e estratexias necesarias, obtén información a partir da súa experiencia e dos datos que os nenos/as e o mestre lle proporcionan, e familiarízase con diferentes formas de recollela.
Tratamos ademais de que a aprendizaxe sexa significativa, xa que constantemente estanse xerando conflictos socio-cognitivos que esixen a procura de reequilibracións por parte do alumno/a.
Neste proxecto, experiencia e aprendizaxe están moi relacionadas. As actividades están pensadas para favorece-la interacción entre iguais e cos adultos, e temporalizadas en función dos ritmos naturais do proceso. Neste senso favorécese a interrelación entre alumnos/as de distintas idades, xa que os maiores irán ensinando ós cativos e colaborando no seu proceso de aprendizaxe.
Por ultimo os recursos didácticos a utilizar son os seguintes:
A planificación dos mestres.
Os contidos, obxectivos xerais e específicos.
O uso dun método globalizado de traballo
As tarefas relaciónanse coas distintas áreas da experiencia.
O xogo como instrumento clave da educación e o crecemento persoal.
4.- ACTIVIDADES
Dúas serán as liñas de actuación que vanse traballar neste proxecto: a) sensibilización cara ó respecto polo medio ambiente; e b) interacción coa natureza. Ditas liñas aúñanse este curso nunha meta que lévanos a todos/as a dinamizar e revalorizar os espacios verdes do centro e as súas inmensas posibilidades.
A continuación explícanse as principias actividades programadas nestas liñas de traballo. De cara a facilitala súa comprensión amosaranse por niveis.
EDUCACIÓN INFANTIL
A sensibilización de cara ó medio ambiente realizarase a través do traballo sobre a importancia da vexetación e da fauna na biosfera. No referente a importancia da vexetación os cativos/as ocuparanse do coidado da nosa horta.
Este curso os nenos e nenas de Educación Infantil puxeron en marcha unha pequena horta, e de cara o vindeiro ano pretendemos amplialo espacio, os cultivos,...e mellorar na proposta dunha agricultura ecolóxica, especialmente na comprensión desta perspectiva pola banda dos cativos/as.
Para traballar a importancia da fauna na biosfera e o respecto de cara a ela, instalaremos un galiñeiro no patio dos máis pequenos. Eles responsabilizaranse do seu coidado e alimentación, e procuraremos integrar as galiñas na vida do centro. Neste ámbito tamén traballaremos dende a perspectiva da gandería ecolóxica.
Os nosos cativos seguirán o curso próximo coas tarefas de compostaxe: recoller residuos, separalos, e utilizalos residuos orgánicos para a fabricación de compost.
EDUCACIÓN PRIMARIA
O traballo en Educación Primaria diversifícase por niveis, de tal xeito que as propostas suxeridas son as seguintes:
Primeiro Ciclo de Educación Primaria : Centraranse na recollida selectiva. De cara á sensibilización traballarán nas aulas a importancia da recollida selectiva, o xeito de facela,.... E completarán este traballo coa colocación de papeleiras axeitadas á recollida selectiva nas súas aulas e no patio que utilizan como lugar de esparcimento.
Segundo ciclo de Educación Primaria : Este nivel vai continualo traballo iniciado neste curso de cara a rehabilitar algunhas das zonas axardinadas do centro. Neste xeito este ano ocuparanse dunha nova parcela e do coidado da rehabilitada neste curso. Nestas tarefas traballarán xuntos cos nenos/as de terceiro ciclo de Educación Primaria, De cara a sensibilización co medio ambiente traballarase nas aulas a importancia do coidado da natureza e os xeitos de facelo. Deste xeito, ocuparanse do estudio e procura de sementes, bulbos, esquexes e plantas, así como da preparación da terra, a plantación e os coidados do xardín.
Nesta liña de revalorización dos espacios verdes do centro, os nenos/as realizarán un inventario dos árbores e arbustos do colexio, e a súa conseguinte señalización con carteis feitos por eles mesmos. Tras facer este inventario confeccionarán un gran plano onde quede reflectidos os principias tipos de árbores e arbustos do centro e a súa localización.
Terceiro Ciclo de Educación Primaria : Ademais dos traballos no xardín e as actividades con eles relacionados, terceiro ciclo proponse un gran reto: Recuperar un vello estanque que temos no centro. Dito estanque leva nunha situación de “mínimos” bastante tempo, e os nenos/as traballarán dende a importancia da auga na vida ata a recuperación deste espacio. Limparán o estanque, plantarán especies acuáticas e encargaranse do coidado dos seus habitantes. De novo, as intervencións neste ámbito proporanse dende a perspectiva dun coidado ecolóxico.
EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA
Como no presente curso, participan os alumnos/as de Primeiro ciclo da ESO. Nas aulas traballarase a importancia da flora e da fauna para a vida, e a implicación persoal no seu coidado. As saídas das aulas dirixiranse a tres traballos: a) Axuda ós cativos/as nos traballos de ampliación da horta; b) Confección de Caixas niño para situar no centro e nos seus arredores, e poder deste xeito crear puntos de observación de paxaros; e c) Continuar no traballo de Viveiro Forestal iniciado este curso coa recollida de novos froitos e sementes, a súa plantación, o coidado dos plantados este ano,......
Xa dende unha perspectiva xeral hai que indicar outros grupos de actividades que afectan a toda a comunidade educativa e adáptanse as súas posibilidades:
- Plástica: Pretendemos que o traballo dos nenos teña en tódolos casos que sexa posible unha aplicación manual de cara a mellorar a súa asimilación dos conceptos básicos. Esta aplicación ven da man da nosa crenza na importancia da experimentación para facilitalo aprendizaxe.
- Ó mesmo tempo o proxecto pode dar lugar a diferentes traballos relacionados co mesmo nos que poden participar outras áreas como literatura (traballos literarios, relatos,...), historia (xardíns na historia, plantas en canto á súa orixe),... Do mesmo xeito, se proporán celebracións conxuntas da comunidade educativa con motivo de datas sinaladas como o Día da Árbore.
- Finalmente volcaremos a maior parte dos nosos traballos no espacio da Web do colexio dedicado a Voz Natura para deste xeito facer partícipe a toda a comunidade educativa das nosas actuacións.
Na páxina seguinte pódese observar un cronograma que reflicte a distribución das actividades.
CRONOGRAMA
MES |
ACTIVIDADES DA AULA |
ACTIVIDADES DE EXTERIOR
|
Xuño-Xullo |
Revisión do proxecto e traballo de organización por niveis |
Setembro |
Preparación do material e distribución do traballo
|
Outubro |
A importancia da vexetación na biosfera
Recollida selectiva |
Revisión do estado do xardín e da horta
Colocación de papeleiras nas aulas
|
Novembro |
O bosque
|
Limpeza da zona de traballo da horta
Limpeza do terreo do novo xardín
Colocación de papeleiras no recreo
Inventario de árbores e arbustos
Recollida de sementes e froitos no bosque |
Decembro |
A semente e a plantación |
Creación de sementeiras nas aulas
Inventario de árbores e arbustos
Plantación en tetrabricks das sementes e froitos de cara a creación dun viveiro forestal |
Xaneiro |
A semente e a plantación
|
Plantación de sementes na horta
Coidado da horta e do xardín
Construcción do galiñeiro
Análise do estanque
Seguimento do viveiro |
Febreiro |
A importancia da fauna na biosfera |
Coidado da horta, o xardín e o galiñeiro
Construcción de carteis e caixas niño
Recuperación do estanque
Seguimento do viveiro
|
Marzo |
A árbore
Festa da árbore |
Plantación dos primeiros plantóns na horta e no xardín
Coidado da horta, o xardín e o galiñeiro
Construcción de carteis e caixas niño Recuperación do estanque
Seguimento do viveiro |
Abril |
Agricultura ecolóxica
O tratado ecolóxico do xardín
Coidado ecolóxico do estanque
|
Uso de abonos e pragicidas ecolóxicos
Coidado da horta e do xardín
Coidado do galiñeiro e do estanque
Colocación de carteis e caixas niño
Seguimento do viveiro forestal |
Maio |
Respecto e coidado do medio ambiente. |
Observación de aves
Coidado da horta e do xardín
Coidado do galiñeiro e do estanque
Colocación de carteis
Seguimento do viveiro forestal |
Xuño |
Recordando o feito |
Recolleita e festa da recolleita
Coidado do xardín, do galiñeiro e do estanque
Observación de aves
Festa do Medio Ambiente |
5.- AVALIACIÓN
O obxectivo da avaliación deste proxecto é amplo, abranguendo dende a comprobación da consecución dos obxectivos ou a detección dos fallos na programación, ata a adaptación das actividades propostas ou a optimización do desenvolvemento das mesmas, en definitiva, trátase de mellorar e optimizar, dun xeito continuado, o proxecto e a súa dinámica.
É importante avaliar constantemente. E non se avalía só o resultado dunha actividade, senón o proceso realizado e a actuación do propio mestre na formulación das actividades.
O sistema de avaliación proposto para este proxecto estructúrase en función do momento de avaliación: antes, durante e despois.
Avaliación Inicial .- Na avaliación inicial informamos sobre a situación do neno/a ó principio do proxecto.
É moi importante a observación diaria, recoller información a través de diálogos e de preguntas, para saber de ónde partimos, qué intereses e gustos teñen os nenos/as; é dicir, buscar información que nos facilite e vencelle o traballo posterior. Neste senso, agás no caso dos máis cativos, faremos unha medida inicial a través de distintas Escalas de Actitudes e Valores de cara ó medio ambiente, que nos permita situar ós nosos rapaces/as neste campo.
Avaliación Continua .- Este tipo de avaliación ten como obxectivo contrasta-la marcha do proxecto. Dita avaliación permite corrixir, axusta-las actividades, crear novas alternativas, valora-los progresos e as dificultades atopadas,... Para este tipo de avaliación utilizarase información procedente dos nenos/as e dos mestres/as.
Para os nenos/as, utilizaranse distintas estratexias como: observación do desenvolvemento das actividades, grao de participación e implicación, se amosan entusiasmo polos descubrimentos, se teñen autonomía de acción e de pensamento, se son capaces de supera-las dificultades e colaboran cos demais...
No caso dos mestres/as, a avaliación realizarase nun apartado específico de reunión bimensual dos mestres. Nesta avaliarase o desenvolvemento das actividades, as dificultades atopadas, o comportamento dos nenos/as... Esta reunión permitirá, polo tanto, axusta-la programación día a día.
En definitiva, este tipo de avaliación permitirá ir mellorando o proxecto tanto sobre a marcha como a curto e medio prazo.
Avaliación Final .- O obxectivo será obter unha visión global e final do funcionamento do proxecto, utilizará ademais da información recollida na avaliación inicial e continua, unha avaliación final dos nenos/as e dos mestres/as.
No caso dos mais cativos (E.Infantil) levarase a cabo algún xogo ou actividade sobre o aprendido na experiencia, para os maiores ademais de distintas actividades de avaliación informal, repetiremos as Escalas de Actitudes e Valores aplicadas ó comezo do proxecto de tal xeito que poidamos ter unha “medida” do efecto da nosa experiencia.
A avaliación final dos mestres realizarase a través dunha reunión final ó rematalo proxecto. Dita avaliación xira basicamente en torno a catro temas: consecución de obxectivos, coordinación, actividades e participantes. |